Proceso de elaboración da cerámica castrexa

Nesta publicación hoxe veredes un vídeo no que se tenta reproducir co maior rigor histórico posible o proceso de elaboración da cerámica castrexa.

O primeiro paso era a obtención das materias primas. Para a fabricación de cerámicas empregábase arxila, elementos non plásticos para dar á arxila maior resistencia coñecidos como desgrasantes, auga e madeira. 

As arxilas extraeríanse das barreiras próximas aos castros, tras unha selección preliminar para seleccionar as máis adecuadas segundo o tipo de cacharro que se quería conseguir. A esta arxila engadiríanse auga e poderíanse engadir ou non os desgrasantes .Os desgrasantes poden ser elementos de orixe granítico (mica, cuarzo e feldespato), orgánicos (como palla) ou cerámicas machucadas. Existe tamén a posibilidade de que se mezclasen as arxilas como se fai na olería tradicional actual. Con estes ingredientes formaríase unha pasta que se decantaría, batería e amasaría ata que tomase a consistencia adecuada para construír a peza cerámica desexada.

As pezas modelábanse manualmente, mediante a técnica de churros ou placas. É posible que no momento final da Idade do Ferro se introducise algún tipo de torno baixo ou lento, especialmente para o acabado exterior da peza. Finalizado o proceso de modelado da peza o seguinte paso era o secado da mesma e o posterior acabado da peza. O acabado exterior pode ser un alisado superficial coa mesma man ou algún elemento como un fragmento de madeira ou buscar algún acabado determinado como ocorre coa técnica do bruñido, na que se frega a superficie cunha pedra, pano ou similar para obter un brillo metálico.

Neste momento, pode tamén decorarse a peza. Empregábanse técnicas como a “incisión” ou “acanaladura”, impresión (si se emprega un elemento natural, como un dedo) ou estampilla (si se fabrica un punzón co motivo desexado expresamente) e tamén decoración plástica. Estas técnicas empregáronse durante toda a Idade do Ferro no noroeste, en solitario ou combinadas entre si, con excepción da estampilla, que comezaría a usarse a partir do s. IV aproximadamente. Existen significativas diferenzas tanto nas técnicas como nos motivos preferidos en cada castro para decorar a súa cerámica. Normalmente, as decoracións localízanse no terzo superior da peza, entre o pescozo e a parte alta do bandullo, onde é máis visible. 

Unha vez modelado e decorado o cacharro, cocíase, ás veces xunto a anacos de cerámica reutilizados, que axudaban a colocar as pezas no forno. Practicamente, descoñecemos como serían os fornos na Idade do Ferro, pero é posible que se empregasen fornos ao descuberto, ben documentados na etnografía, que alcanzarían unhas temperaturas ao redor dos 800 º C. As pezas colocaríanse no chan, tapadas, cunha pequena cámara para o lume por debaixo ou cubriríase con restos vexetais aos que se prendería lume e se tapaba con terra, conformando pequenas cámaras de cocción. O forno empregado neste vídeo é unha recreación dunha peza arqueolóxica descuberta en Castromao e identificada por algúns autores como un forno cerámico.

A cerámica castrexa evoluciona e cambia durante a Idade do Ferro. Na Primeira Idade do Ferro, aínda se poden apreciar formas e técnicas herdeiras do Bronce Final. Na segunda idade do Ferro, apréciase un importante salto tanto a nivel tecnolóxico como estilístico, e finalmente no Cambio de Era, continuarase co proceso de mellora técnica sen que se observe un gran salto con respecto do período anterior.

Ao longo das tres fases da Idade do Ferro (primeira Idade do Ferro, segunda e cambio de Era), prodúcense cambios nas formas e decoracións das pezas, que se adaptan aos gustos locais, funcionalidades necesarias e tecnoloxías dispoñibles.