Temos o gusto de presentarvos outro dos nosos vídeos de recreación, onde explicamos brevemente as embarcacións da época galaica e onde podedes ver a construción da máis lixeira delas, utilizada para navegar por pequenos cursos de auga. Agardamos que vos guste!
Analizando nos textos históricos referencias a embarcacións nativas no territorio galego, atopamos un texto de Avieno, escritor e poeta latino do século IV d.C., que no seu poema descritivo da Península Ibérica titulado “Ora Marítima” dedica un fragmento a falar do pobo dos oestrymnios, os cales habitaban as costas galaico-portuguesas durante a Idade do Bronce.
Os oestrymnios son o primeiro nome coñecido que temos dos antigos poboadores de Galicia. Avieno descríbeos coma un pobo de gran forza, de ánimo levantado e de eficaz habilidade. A todos domínalles a paixón polo comercio e con embarcacións de peles cosidas sucan valerosamente o turbio mar e o abismo do Océano cheo de monstros, pois, eles non souberon construír as súas naves con madeira, como é costume, senón, cousa de admiración, sempre construían as naves con peles unidas, percorrendo con frecuencia o vasto mar sobre o coiro”.
Aínda que Avieno non especifica se empregaban remos ou tamén a vela, pode que coñecesen as técnicas da navegación a vela, posto que xa entrarían en contacto cos navegantes mediterráneos.
Xa no período que abarca á Cultura Castrexa, o Xeógrafo grego Estrabón, Publica no século I unha obra composta por 17 volumes sobre Xeografía. No terceiro volume, dedicado a Iberia, indica que ata os tempos de Décimo Xuño Bruto, utilizaban embarcacións de coiro nas marismas e nas augas interiores pouco profundas, pero que son raras as embarcacións feitas cun só tronco.
Despois de investigar embarcacións que encaixen nesa descrición, atopamos as chamadas “Coracle”, que son tradicionalmente construídas con varas madeira de salgueiro ou abelaira e recubertas de peles. Unha versión moderna deste tipo de embarcación aínda se constrúe hoxe en día nalgunhas partes de Inglaterra e Gales para navegar polos ríos.